POP UP STORE DE BELA FURTIVA EN CARBALLO
Bela Furtiva abre a súa primeira tenda en formato efémero no centro de Carballo, nun local emblemático, permanecendo activa desde o 1 de xuño ata o 30 de xuño do 2023 na rúa Desiderio Varela 9, esquina coa rúa Colón.
É a primeira vez que se ofrece a posibilidade de ver e tocar os mobles de Bela Furtiva nun espazo aberto ao público, xa que ata este momento, a firma viña traballando exclusivamente os formatos online ou de exposición con cita previa.
Bela Furtiva desembarca en Carballo con catro coleccións: dúas inspiradas na vila –Fenta e Aymat– e dúas máis que se estrean en primicia, Lagoa e Faíscas, coa certeza de que a xente que visite a exposición se vai sentir identificada con algunha das pezas, xa que representan pequenas doses da cultura galega traducidas a unha linguaxe contemporánea.
Aproveitando que no mes de xuño se celebran as festas de San Xoán, de tanta importancia en Carballo, Bela Furtiva fai a súa propia chiscadela a esta celebración cunhas novas bolsas tote en liño estampado artesanalmente con motivos de flores do cacho de San Xoán.
BELA FURTIVA NO PONT UP STORE
Bela Furtiva participa cun stand no evento Pont Up Store, cita imprescindible para collerlle o pulso ao emprendemento galego que se celebra en Pontevedra anualmente, con frecuencia no mes de setembro.
Trátase dunha iniciativa caracterizada polo dinamismo e a innovación ao servizo das novas empresas galegas con proxectos creativos e diferenciáis, da que Bela Furtiva ten a honra de formar parte no ano 2023.
Un evento no que tanto o público da cidade de Pontevedra como doutros lugares de Galicia se sorprende cos novos achádegos de cada edición, con tipoloxías e formatos de empresas que non deixan indiferente a ninguén. Algo ao que tamén contribúe Bela Furtiva cunha mostra das súas últimas coleccións, nas que se aprecia na pegada do deseño “ese non sei que” de familiaridade combinado con trazos totalmente distintivos.
BELA FURTIVA NO CREAFOGAR
Bela Furtiva participa na primeira edición do evento Creafogar, desenvolvido en Santiago de Compostela co afán de dinamizar e poñer en valor o talento galego nas áreas do deseño, a artesanía e a construción.
Con este motivo acondiciónase e equípase en clave galega un inmoble do casco histórico da cidade, de tal xeito que tanto os traballos realizados como o amoblamento, a iluminación, as obras de arte e os accesorios asínanos empresas galegas do sector, contribuíndo Bela Furtiva a este proceso con cinco pezas destacadas das súas coleccións, sendo en concreto: o banco Xara, a luminaria Queiroa, o banco Eduard, a mesa Cósima e, en primicia, a estantería Lea.