Bela Furtiva abre a súa primeira tenda en formato efémero no centro de Carballo, nun local emblemático, permanecendo activa desde o 1 de xuño ata o 30 de xuño do 2023 na rúa Desiderio Varela 9, esquina coa rúa Colón.
É a primeira vez que se ofrece a posibilidade de ver e tocar os mobles de Bela Furtiva nun espazo aberto ao público, xa que ata este momento, a firma viña traballando exclusivamente os formatos online ou de exposición con cita previa.
A decisión de abrir a tenda efémera en Carballo débese a que alí naceu a inspiración para atopar eses primeiros referentes de mulleres belas furtivas que loitaron contra as convencións sociais que as relegaban a un segundo plano. Precisamente coa idea en mente de rendirlles tributo, e empapándose das paisaxes salvaxes e da arquitectura racionalista de Carballo, naceu a primeira colección da firma, denominada Fenta.
Tanto Fenta como Aymat son as dúas coleccións exclusivas de Bela Furtiva inspiradas na vila de Bergantiños. Aymat –unha mestura única de elementos do deseño do Líbano e de Galicia– está adicada a Jorge Varela, carballés e curmán de Xema Varela falecido hai uns anos. Pero non é a única relación familiar de Bela Furtiva con Carballo. “Os meus avós”, apunta Varela, “tiveran un comercio aquí hai máis de cincuenta anos, nunha edificación con ares racionalistas que aínda hoxe segue en pé”
.
Bela Furtiva desembarca en Carballo con catro coleccións: dúas inspiradas na vila –Fenta e Aymat– e dúas máis que se estrean en primicia, Lagoa e Faíscas, coa certeza de que a xente que visite a exposición se vai sentir identificada con algunha das pezas, xa que representan pequenas doses da cultura galega traducidas a unha linguaxe contemporánea.
Aproveitando que no mes de xuño se celebran as festas de San Xoán, de tanta importancia en Carballo, Bela Furtiva fai a súa propia chiscadela a esta celebración cunhas novas bolsas tote en liño estampado artesanalmente con motivos de flores do cacho de San Xoán.