
Os espazos piden ter mobles para adaptarse ás nosas necesidades, pero os criterios que podemos seguir á hora de amoblar son moi distintos. Hai quen prefire ter o menor número de mobles posible e hai que se decanta polo “máis é máis”. Saber elixir o número e o tipo de mobles constitúe todo un arte para o que non hai respostas tipo.
Hoxe aceptamos con naturalidade que os mobles se integren na propia arquitetura, pero paralelamente a esa tendencia, nos últimos tempos cada vez adquiren máis protagonismo os mobles que se poden mover de lugar, os de toda a vida, eses que na súa familiaridade, humanizan os espazos. E seguramente, a convivencia de ambos tipos de moble caracterice o futuro máis cercano.

Tamén houbo un tempo en que os mobles constituían máis un tesouro que un elemento de utilidade. Na actualidade esíxeselles unha funcionalidade, pero a amplitude da función é de tal magnitude que non podemos considerar completo un obxecto só por servir correctamente para un uso. As funcións exténdense por moitos territorios: o estético, o emocional, o poético, o sociolóxico, etc.
E a maiores, os obxectos poden ter usos moi diversos dependendo de como interactúan con eles as distintas persoas. Unha cadeira, por exemplo, pode chegar a empregarse como mesa, como galán, como escaleira, como andel, etc.
Por outra banda, cos mobles tamén aportamos simbolismo a un espazo. Detrás de cada elección hai grandes matices de significado e, como en todo proceso de deseño, a coherencia representa un obxectivo prioritario.
En definitiva, pensemos o que queremos contar e a partir daí decidamos que mobles nos axudan a facelo.