skip to Main Content

Bela Furtiva participa na primeira edición do evento Creafogar, desenvolvido en Santiago de Compostela co afán de dinamizar e poñer en valor o talento galego nas áreas do deseño, a artesanía e a construción.

Con este motivo acondiciónase e equípase en clave galega un inmoble do casco histórico da cidade, de tal xeito que tanto os traballos realizados como o amoblamento, a iluminación, as obras de arte e os accesorios asínanos empresas galegas do sector, contribuíndo Bela Furtiva a este proceso con cinco pezas destacadas das súas coleccións, sendo en concreto: o banco Xara, a luminaria Queiroa, o banco Eduard, a mesa Cósima e, en primicia, a estantería Lea.

Froito disto, as persoas visitantes ao evento, que transcorre entre os días 20 de setembro e 10 de outubro do 2024, poden achegarse ao traballo da marca e familiarizarse cos seus produtos dentro dun entorno coidado e coherente coas súas raíces no que se evidencia o prestixio do “pensado e feito en Galicia”.

Tamén o día 8 de outubro do 2024 a empresa ofrece a posibilidade de coñecer máis en profundidade o proceso de creación das súas coleccións cunha charla na que se fai un percorrido polas liñas de forza do proxecto ao tempo que se pon en valor a súa conexión coa cultura galega.

Sen dúbida, unha oportunidade única para quen aínda non coñece Bela Furtiva e en xeral para quen queira achegarse ao fascinante mundo do deseño e da artesanía con Galicia como epicentro.

Carriño